Centro Cultura Popular Xaquin Lorenzo

  • Aumentar fuente
  • Fuente predeterminada
  • Disminuir fuente

REVISTA RAIGAME NÚM. 41

A Revista Raigame número 41 súmase á homenaxe ao Museo do Pobo Galego que neste ano 2017 celebra do seu 40º aniversario. Esta institución, emblema da identidade e cultura popular galega, ten as súas orixes en 1976 coa creación do Padroado que foi dirixido por ilustres ourensáns como Xaquín Lorenzo Fernández como presidente e Xesús Taboada Chivite na vicepresidencia. Un ano máis tarde, o 29 de outubro de 1977, o Museo do Pobo Galego abríu as súas primeiras salas expositivas e botou a andar baixo a dirección de Antonio Fraguas.

Esta publicación, a través dos artigos dunha ducia de autores vinculados ao Museo do Pobo Galeg, narra a súa historia  dende os seus comezos, o traballo que desenvolve e o material que custodia, e o camiño que leva o Museo, a etnografía e a antropoloxía cara o futuro, artigos todos eles vinculados dalgún modo a Ourense. Francisco Fariña asina un artigo sobre a orixe e as coleccións do MPG; Fátima Braña analiza a función do MPG como institución integral e sintetizadora; Carlos G. Martínez e Mª Xosé Fernández tratan a figura de Xaquín Lorenzo Fernández e a súa relación co MPG e Ana I. Mateos e Rosa Mª Méndez fálannos do seu arquivo, legado no seu momento polo etnógrafo ourensán ao Museo; o artigo de Mª Concepción Losada e Manuel Vilar describe que é como traballan no Arquivo do Patrimonio Oral de Identidade, ademais de como consultalo; Dorothé Schubarth, a musicóloga que xunto co lingüista Antón Santamarina publico o Cancioneiro Popular Galego, relata a volta á Baixa Limia 37 anos despois da primeira vez que estivera realizando o traballo de campo; Clodio González fai un perocorrido polos documentos cartográficos do MPG que teñen relación coa provincia de Ourense; Manuel Caamaño lévanos á zona oriental de Ourense para falarnos das súas construcións populares e por último, Xosé Carlos Sierra ofrécenos un artigo sobre a etnografía e a cultura do viño.