Centro Cultura Popular Xaquin Lorenzo

  • Increase font size
  • Default font size
  • Decrease font size

ACTAS DO V CONGRESO DE PATRIMONIO

O pasado luns 4 de abril foi presentado o libro de actas do V Congreso de Patrimonio Etnográfico Galego (II internacional) celebrado en Ourense entre os días 9 e 13 de Outubro de 2014 baixo o título O afiador e outras técnicas artesanais de comunidades rurais, que fora organizado polo CCP Xaquín Lorenzo da Deputación de Ourense en colaboración coa Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Ourense e a Asociación Cultural Ben-Cho-Shey.

O congreso tivo como tema principal de estudo o afiador, o mundo do afiado, a súa musealización e a preservación e posta en valor do patrimonio a través do sistema educativo. Este evento cultural contou coa participación de relatores de toda Galicia, Albacete, Francia, Italia, Portugal e Venezuela dos campos da etnografía, a museoloxía, a pedagoxía, a filoloxía, así como as experiencias de vellos profesionais, hoxe xa retirados do oficio.

Este quinto congreso foi o máis participativo en canto a comunicacións libres e tamén foi o máis extenso. Outra das súas características  foi a súa internacionalidade, xa

que inda sendo un tema intimamente relacionado con Ourense, houbo conferenciantes de Francia e Italia que aportaron a súa visión basada nos afiadores das súas terras respectivas. Igualmente, as numerosas saídas de campo realizadas (Nogueira de Ramuín, Parada do Sil, Pobra de Trives, Arboiro-S. Xoán de Río e Niñodaguia) fixeron do congreso unha activiade moi dinámica e amena, tanto para os relatores como para os ouvintes.

O libro das actas do V Congreso de Patrimonio Etnográfico Galego está formado por  34 artigos asinados por autores tan destacados como Olegario Sotelo Blanco, Marina de Pascual López, X. Manuel González Reboredo, Belén Sáenz-Chas, Teresa Soeiro, Santiago Veloso, Carmen Ricoy, Delfín Caseiro, Jorge Rodrigues ou Isaac Alonso Estraviz. Os artigos atópanse organizados en catro seccións: “O oficio de afiar e a súa musealización”, “Outros oficios do rural e a súa formación”, “A transmisión pedagóxica do patrimonio inmaterial”, e “As falas gremiais”. Como peche das actas hai unha recompilación do vocabularios do barallete traducido a sete idiomas.

V Congreso de Patrimonio Etnográfico Galego. O afiador e outras técnicas artesanais de comunidades rurais.