Centro Cultura Popular Xaquin Lorenzo

  • Increase font size
  • Default font size
  • Decrease font size

REVISTA RAIGAME NÚM. 38

O pasado mes de setembro, coincidindo coa celebración da Festa do Cristal, presentouse unha nova edición da revista Raigame, o número Raigame 38, dedicado integramente a Vilanova dos Infantes, a Virxe do Cristal e o seu Santuario e a D. Adolfo Enríquez, o párroco da vila asasinado no mes de marzo do presente ano. Este novo número quere ser unha homenaxe a todos os veciños de Vilanova e á mesma vila.

A revista conta coa colaboración de destacados autores vencellados dalgún modo con Vilanova dos Infantes, abordando diferentes temas. Así, abrindo a revista e como segundo editorial, podemos ler a colaboración de Xosé L. Méndez Ferrín; Benito Reza fala da súa xeografía; Antonio Piñeiro da relación con outras vilas do mesmo nome; Limia de Gardón e Andrés Hervella sobre o santuario da Virxe do Cristal; Patricia Meléndez fala da danza e os danzantes de Vilanova; Marila Abad e Rafael Artacho abordan temas de numismática e filatelia relacionados coa vila e a virxe; M. Ángel González e J. Carlos Fernández tratan sobre a devoción pola virxe do Cristal; J. Manuel Enríquez e Cesáreo Iglesias recordan ao párroco D. Adolfo; Emilo Rodríguez e Isidoro Rodríguez tratan a súa relación coa Romaría Etnográfica Raigame e D. Adolfo Enríquez; ademais, a revista conta coa descrición da aparición da Virxe do Cristal que en 1726 fixo o Padre Villafañe e a reportaxe fotográfica que Joaquín Pintos realizou en 1922, basándose na obra poética de Manuel Curros Enríquez.